Chapela estivo presente no campionato de España que se celebrou este sábado 30 e domingo 1 de maio na localidade de Pasaia no País Vasco. O club de Remo de chapela participaba con dúas embarcacións e logrou a vitoria co Absoluto Feminino, mentres que o equipo Cadete Masculino clasificouse en terceiro lugar.
O campionato foi un reto difícil con resultados moi axustados. o adestrador, Santiago Lago Garrido, conta que gañaron con 55 centésimas de diferencia nunha final moi emocionante. “Foi unha boa pelexa para conseguir os postos do podio, logramos vantaxe nos dous primeiros largos e esa foi a renta que marcou a regata. A segunda e terceira praza tamén estivo moi rifada”.
O adestrador do club “esperaba os bos resultados”, xa que o equipo traballa para gañar. “Temos rapazas que cando adestran están dando o máximo para conseguir estes resultados”.
As rivais máis duras foron Cabo da Cruz e o Club de Ares, que conseguiron a medalla de prata e bronce respectivamente. Santiago explica que a rivalidade no Absoluto Feminino con estes dous equipos ven de lonxe. “No campionato galego de bateis tivemos unha competición moi parecida coas mesmas rivais na final”.
Todo o equipo está moi orgulloso dos resultados, xa que para o técnico non só loitan as 4 ou 5 que van ese día no barco, todas están unidas e se apoian entre elas. “Teño moitas rapazas moi boas e é moi difícil elixir ”, conta o técnico.
O máximo logro que poden conseguir en bateis é o de Campioas de España, pero xa teñen a vista o Campionato de Traiñeiras deste ano. “Imos marcando obxectivos sen descartar o resto de disciplinas, pero agora o principal é gañar o Campionato de Traiñeiras e chegar á regata da Concha a finais de setembro”.
Santiago Lago felicita a todos os remeiros do club e destaca os premios que levan acumulados este ano. Vitorias que se suman á longa traxectoria do Club de Remo de Chapela.