As rúas da vila volveron encherse nas máis de 80 actividades programadas, con artistas procedentes de Israel, Eslovenia, Arxentina, Italia, Portugal, Madrid, Castela e León, Cantabria, Aragón e Galicia. O mal tempo desluciu as celebracións no Día das Letras. Con todo a veciñanza acudiu ao chamamento dos monicreques.
O Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) pechou neste Día das Letras Galegas a súa 23ª edición, marcada pola volta á normalidade e a extensa programación que encheu a vila dende o pasado xoves. En total foron máis de 80 actividades a cargo de 31 compañías, procedentes de Israel, Eslovenia, Arxentina, Italia, Portugal, Madrid, Castela e León, Cantabria, Aragón e Galicia, as encargadas de devolverlle ao Festival o ambiente e as cifras de público previas á pandemia. Os catro días de programación de rúa propiciaron ademais ver cheos todos os escenarios, cubertos con carpa, polo que nin as inclemencias metereolóxicas desanimaron ao público.
Entre as actuacións con maior seguimento por parte do público, destacan na programación de sala a montaxe ‘Happy Bones’ dos eslovenos de Teatro Matita, e ‘A Cazola de Lola’ de Tanxarina, ambos con cartel de entradas esgotadas.
Na rúa, o concerto de Uxía Lambona e Cé orquestra Pantasma acumularon durante a tarde do luns centos de cativos e mailas súas familias, ao igual que os itinerantes como ‘Animacreques’ de Catropés ou os ‘Monstruos de la Universal’ e ‘Granujas a todo ritmo’ dos cántabros de MG Producciones.
A proposta de Alauda Teatro ‘Ingenii Machina’ tamén sorprendeu aos visitantes, coa instalación na Casa da Torre dunha serie de xogos, autómatas e ata un monicreque xigante, que durante os catro días atraeu centos de curiosos; ao igual que a exposición ’40 anos de Tanxarina Títeres’, toda unha homenaxe da Vila á senlleira compañía, que levou o nome de Redondela por todo o mundo.
A organización amósase contenta co resultado da programación e coas cifras de público acadadas, logo de dous anos de restriccións, e comeza a traballar xa na 24ª edición.