A “Expo Lixo” estará na entrada do centro educativo para sensibilizar a todas as persoas que pasen por alí. Unhas mostra do recollido no tramo coñecido como “Ameneiral do Pexegueiro” de alto valor por ser un “corredor ecolóxico”, segundo a clasificación establecida polo Plan de Ordenación do Litoral.
Durante este curso escolar o alumnado do IES Pedro Floriani participou en distintas actividades para coñecer o patrimonio natural e etnográfico da zona. Estas actividades están dentro do programa de educación ambiental “Coidando do entorno e das persoas”, a cargo do educador ambiental e patrimonial Álvaro Diego Fuentes, que está sendo financiado polo Concello de Redondela e aplicado tamén en outro centro educativo do municipio.
O alumnado pasou á acción colaborando na mellora deste entorno natural coa limpeza dunha gran cantidade de residuos, nas proximidades do muíño do rato, descuberto fai pouco grazas aos traballos de campo realizados pola asociación cultural Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.
A actividade realizouse logo da limpeza da maleza realizada polo Concello de Redondela, a petición da referida asociación, para recuperar os camiños antigos paralelos ao río.
O alumnado saíu andando do mesmo IES co material necesario para trasladar posteriormente os residuos ao centro educativo. O alumnado montou unha exposición metendo parte dos residuos recollidos dentro dunha gran rede de pesca, que simboliza o lixo que “pescaron”, evitando así que esa contaminación siga no medio natural, rematando na ría e afectando a nosa saúde.