A nova bandeira do Concello de Soutomaior xa ondea na Casa Consistorial logo de recibir a aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.
Así, a nova bandeira ten como elemento central o Castelo, testemuña e case sempre protagonista dos feitos históricos de maior relevancia no municipio. O campo da bandeira compleméntase cun bordo de cadros en cor ouro e gules (amarelo e vermello) en orde inversa para facilitar o contraste que fai referencia a modo de homenaxe ao escudo de armas da liñaxe dos señores de Soutomaior.
“A bandeira é un dos maiores símbolos propios que se poden ter, unha representación que nos acolle a todos” afirmou o alcalde quen indicou que “Soutomaior, como vila histórica de Galicia, necesitaba a súa propia bandeira oficial. Unha que reflicta a nosa historia e o carácter do noso pobo”.
O Concello contou durante todo o proceso co asesoramento da Comisión de Heráldica de Galicia, entidade encargada de velar polo bo uso e a conservación dos brasóns galegos. Para iso, esta Comisión realizou un estudo expondo os feitos históricos e as peculiaridades do municipio nas que se basea a nova insignia.