Despois de case medio século unha muller volve a un baile predominantemente masculino. Malia ser consciente da expectación que supón a súa participación, está ilusionada e con ganas de bailar cos seus compañeiros na Praza da Constitución o vindeiro 16 de xuño na inauguración da Festa da Coca.
A Danza das Espadas é unha tradición que sempre estivo dominada por homes. De feito, fai 44 anos que ningunha moza sae a bailar o día da inauguración da Festa da Coca. Marta decidiu que era o momento de probar, xa que despois de facer baile galego durante anos considera que ten a resistencia e a coordinación necesarias para as acrobacias que se fan na danza.
A súa acollida foi moi familiar e aclara que está encantada de participar, xa que os seus compañeiros fixerona sentir como na casa. A pesar da repercusión que pode chegar a ter a súa participación, ten claro que “hai que tratar o tema con normalidade e que a tradición non se ten que resentir por novidades como estas”.
A nova danzante ten 18 anos e considera que o baile non é difícil pero que esixe un esforzo físico elevado no que a dedicación e a disciplina son claves para dominalo. Ao principio da tempada practicase unha vez por semana, pero cando se achegan as datas sinaladas, chegan a practicar ata 3 veces para lograr unha boa coordinación cos compañeiros.
Respecto a vestimenta explica que o traxe pode considerarse unisex polo que non fixo falta ningunha adaptación do traxe tradicional. O material o proporciona o Concello de Redondela, concretamente as espadas levan moitos anos usándose e xa forman parte da historia da vila. Marta conta que “as espadas aínda que parezan un adorno poden facer dano se non se usan ben”.
Dende o primeiro día tanto o mestre como os compañeiros fixeron que se sentira cómoda polo que agradece o compañeirismo mostrado por parte de todos. Anima ás rapazas de Redondela a participar e involucrarse para que creza e avance unha das tradicións máis importantes da vila.
O seu debut será o día 16 de xuño na Praza da Constitución onde a partir da 13h terá lugar o baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas con motivo da Festa da Coca de Redondela.