Digna Rivas era investida alcaldesa hai tres anos
O 15 de xuño de 2019, Digna Rivas convertíase na primeira alcaldesa de Redondela nun mandato que xa se prevía complicado ao contar tan só con sete concelleiros e liderando un goberno en coalición con AER que rachaba tras o famoso enfrontamento pola retirada das algas da praia de Cesantes. Malia as dificultades para sacar proxectos adiante asegura que “nunca pensei en tirar a toalla, eu nunca me rindo” e xa adianta que a súa intención é “volver ser candidata nas próxima eleccións municipais”. Fai tamén autocrítica “igual debería ter negociado máis coa oposición”.
Inmersa nunha dura negociación para sacar adiante o que serían os primeiros orzamentos do PSOE nun mandato que arrancaba hai xa tres anos, recoñece que quizais nalgún momentos debería ter negociado máis intensamente co resto dos grupos para chegar acordos ”.
En todo caso, sobre os momentos máis complicados a nivel político vividos nestes tres anos, entre eles a ruptura do bipartito, explica que “todas as decisións que tomei foi pensando no ben da veciñanza”. Complicacións que ningún momento lle levaron a pensar en presentar a dimisión “nunca me rindo e nunca pensei en tirar a toalla”.
Entre o máis salientable do logrado nestes anos apunta os diferentes proxectos en marcha “a praza de Ponteareas, avenida Santa Mariña, A Picota, a Alameda de Chapela… obras que son importantes para Redondela pero tamén pequenas intervencións nas parroquias que sempre que beneficien á veciñanza son importantes para este goberno”.
Quixo o calendario que este aniversario se producira no mesmo día no que arrancan as festas da Coca “unha celebración que para min é moi especial, non só porque sexan as festas da vila, senón porque foi o primeiro que tiven que xestionar nada máis chegar a alcaldía e que logo sufriron un parón obrigado por mor da pandemia”.
Sobre o seu futuro político, teno claro “se o meu partido me apoia darei o paso e volverei presentarme ás próximas eleccións municipais”.