Policía Local Redondela
A fin de semana deixanos dous accidentes nos que afortunadamente tan só hai que lamentar feridos leves. O primeiro tiña lugar xa o venres cando un choque en cadea deixaba tres vehículos sinistrados na zona coñecida como o scalextric, resultando feridas as condutoras de dous dos turismos implicados. Na madrugada do sábado producíase outro accidente, neste caso na estrada que une Redondela co aeroporto, no que se producían importantes danos materiais logo de que un vehículo se saíra da vía e colidira contra o muro dunha vivenda.
Os feitos acontecían ao redor da medianoite cando varios veciños informaban dun accidente na N-555. Por causa que se investigan un condutor novel, de 19 anos de idade circulaba en sentido descendente cara Redondela, perdería o control do seu vehículo, e sairíase da vía para chocar contra o muro de peche dunha vivenda e rematar no medio da calzada.
Afortunadamente ningunha persoa resultou ferida, sendo necesaria a intervención do Ges de Mos e mantemento de estradas ademais da Policía Local de Redondela.
Con anterioridade, no mediodía do venres, producíase un choque en cadea na zona do scalextric en Santa mariña no que se vían implicados tres vehículos. Foi na N-550 cando un dos vehículos, colidiría por alcance contra o vehículo que o precedía e que se atopaba detido por causas do tráfico, facendo un efecto cadea e colisionando co seguinte que tamén se atopaba parado.
Como resultado, producíronse desperfectos materiais nos vehículos implicados e resultaron feridas leves dúas condutoras.