Os populares lembran que actualmente os luns e venres os usuarios dos Servizos Sociais so teñen a posibilidade de seren atendidos nestas oficinas en horario de 9:00 a 12:30 e reclaman que a atención nestas dúas xornadas se amplie ata as cinco horas (de 9:00 a 14:00 horas), atención que si se ofrece o resto dos días da semana. Unha petición que levaron en forma de rogo ao último pleno municipal.
Os populares pedían que se recuperase a atención ao público de luns a venres e de 09:00 a 14:00h., ante a preocupante situación de crise económica e o aumento do custo de moitos servizos e necesidades esenciais, que fai que moitas persoas veciñas da vila vivan situacións complicadas. Escoitamos a Sandra Bastos
Dende o PP critican que para o goberno local “os servizos sociais non sexan unha prioridade” e poñen como exemplo que dende o 2019, malia a situación de emerxencia creada pola pandemia “o Goberno municipal renunciou a empregar máis de 5.000 horas do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) que a Xunta de Galicia puxera a disposición do Concello de Redondela”.
Aseguran tamén os populares que se deixaron sen investir os 17.000 euros cos que contaba o Programa de Apoio á Inclusión Social, os 15.000 do Plan de Axuda Infantil nin os 3.000 que tiña o Plan de Promoción do Aluguer. Con todo apuntan como o máis grave que dos 80.000 euros cos que contaba a Subvención de Emerxencia Social, unicamente se gastaron 17.192,50, é dicir, menos do 21,5%, durante os meses de especial dureza polo efecto causado pola pandemia.