Unha parte do programa desenvolverase na praia de Cesantes
Danza na rúa, actividades náuticas e obradoiro de murais serán as tres primeiras actividades que ofreza este programa dirixido aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos e organizado dende o Concello de Redondela.
A primeira das actividades do programa será Danza na Rúa, que terá lugar entre o 26 de xullo ao 4 de agosto, os luns, mércores e venres de 10 h a 12 h na pista da Xunqueira en Redondela, e do 8 ao 12 de agosto na Alameda Rosalía de Castro de Chapela cos mesmos días e horario. A actividade é totalmente de balde e non necesita inscrición previa polo que, para participar, só haberá que presentarse o día da actividade á hora do seu comezo.
Nestas clases, que correrán a cargo de mestres e mestras da escola de danza Dansarey de Redondela, as mozas e mozos poderán aprender baile moderno, danzas urbanas, baile latino e preparación física e acrobática.
Actividades Náuticas será a segunda das iniciativas que leven a cabo dentro do programa «Redondela Xoven». Terá lugar na praia de Cesantes –lugar idóneo para este tipo de actividades– entre o 26 de xullo e o 19 de agosto de 10 horas a 14 horas de martes a venres. Neste caso será precisa inscrición previa no Rexistro Xeral da Casa do Concello de Redondela e terá un prezo de 25 €/semana, un prezo case que simbólico xa que se inclúe o material preciso para as actividades e o correspondente seguro.
Finalmente, dentro destas primeiras iniciativas, do 1 ao 5 de agosto terá lugar o Obradoiro de mural que se desenvolverá de 10 h a 12 horas no Centro Cultural A Miñoteira de Ventosela. A actividade é totalmente de balde e non necesita inscrición previa.
Esta iniciativa “reafirma a nosa aposta polas parroquias e por achegar ata elas todo tipo de actividades dentro da nosa filosofía de achegar os actos á veciñanza”, explica a alcaldesa Digna Rivas quen adianta que “dependendo da resposta e da acollida desta actividade, trasladarémola ás demais parroquias”.
A alcaldesa afirmou que “ata a chegada do Goberno socialista ao Concello, os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos, foron os grandes esquecidos” e explicou que na elaboración do programa incluíronse iniciativas propostas tanto polo Goberno local como pola propia mocidade porque “non se poden deseñar actividades para esta franxa de idade sen contar con eles, sen escoitar as súas opinións e sen incluír as súas ideas” e nesa liña, o programa recolle as propostas realizadas pola mocidade redondelá a través do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia e Axentes do Cambio (grupo de participación infantil e adolescente do Concello de Redondela).
A alcaldesa redondelá asegurou que “ao longo do verán, «Redondela Xoven» terá máis sorpresas” ao mesmo tempo que anunciaba que a mediados de agosto celebrarase O Día da Xuventude que contará con programa propio de actividades que será presentado a medida que se achegue a data.