Os nacionalistas acusan a PSOE e PP de non defender a volta do servizo de pediatría a Fornelos de Montes tras rexeitar unha moción neste sentido “argumentando unha presunta negociación coa Consellaría de Sanidade para a volta de pediatría en setembro”.
“As familias de Fornelos levamos máis de dous anos sen pediatra, tendo que desprazarnos a Redondela, a 20 quilómetros, para ser atendidas”, así o explicou a nacionalista Milagros casal quen criticou que os concelleiros de PSOE e PP da localidade rexeitaran a moción presentada polo seu grupo para reclamar á Xunta o retorno da asistencia pediátrica ao centro médico do concello.
Casal apuntou que este desprazamento se traduce en horas perdidas de escola para as crianzas e de traballo para as familiares, ademais do desembolso para realizar o traxecto, aínda maior para aquelas persoas que carecen de vehículo privado. Unha situación que ten sido denunciada polo Bloque en numerosas ocasións, con até tres mocións ao Pleno de Fornelos, sen que o Goberno galego rectificara este recorte.
A voceira nacionalista criticou que tanto o PSOE como o PP solicitaran aprazar a moción do BNG até outubro, argumentando unha presunta negociación coa Consellaría de Sanidade para a volta de pediatría en setembro. “Na situación actual non ten sentido que as nenas e os nenos de Fornelos sigan sen ter atención presencial no noso centro de saúde”, insistiu Casal.