A arte urbana forma parte xa do colexio de Cedeira. Debuxos infantís decoran o muro que separa este colexio da estrada o que supón un lavado de cara por encargo da propia dirección do centro. O encargado de decorar este espazo con debuxos infantís que lembran a un cómic é o vigués Pablo Loyola.
Enxeñeiro industrial de profesión, decidiu dar un xiro a súa vida e optar pola súa paixón: a arte, centrándose na súa faceta de ilustrador e graffitista. A súa primeira intervención nun centro educativo foi no colexio Compañía de María en Vigo. A partir de aí apareceron novos proxectos que no caso de Redondela xa o levaron a decorar o Colexio de Reboreda, o IES Illa de San Simón ou a Escola Infantil A Marista “ e para finais de verán xa teño un novo encargo nun colexio de Chapela”.
Actualmente está a traballar en Cedeira decorando o muro que separa este centro da estrada o que supón un importante lavado de cara a este espazo. Unha intervención onde atopamos en formato de cómic varias viñetas nas que se abordan temas de igualdade, integración, cambio climático, a propia mascota do centro…
En total serán 14 días de traballo, cunha primeira semana que foi especialmente complicada porque coincidiu coas elevadísimas temperaturas da semana pasada. En todo caso, un traballo que lle reporta tamén momentos divertidos sobre todo cos centos de peregrinos que día a día o pasan pola zona e que se deteñen a observar o seu traballo e a conversar con el “incluso houbo quen quixo ligar comigo” explica con humor.
As intervencións de Pablo Loyola poden seguirse no seu Instagram @loyolart84