A Agrupación de Electores de Redondelo asegura que Augas de Galicia leva tempo requirindo ao goberno de Rivas que solucione os verquidos de augas residuais da Praza de Abastos ao río Alvedosa, sen que estes sexan atendidos. “O último requirimento deste organismo autonómico é de abril deste ano e supuxo unha sanción de 2.500 euros”, aclaran desde a Agrupación quen critican que se esperara ao verán para realizar estas obras “o que supón un prexuízo evidente para o comercio local”.
Segundo explica Roberto Villar, de AER, “estes traballos xa tiñan que estar feitos hai un ano, cando estando nós ao fronte da Concellería de Medio Ambiente encargamos un estudo ao aparellador municipal para resolver o problema”. Feito ese paso decidiuse acometer as obras despois do verán do 2021 “precisamente para non interferir co comercio nesta época de moito traballo” engade Villar.
Unhas obras que nunca chegaron a executarse “malia deixar constancia no momento do traspaso de poderes, tras deixar AER o goberno, da urxencia de acometer eses traballos tanto ao concelleiro de Medio Ambiente, como ao concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas”.
Segundo AER, “esta é unha mostra máis da inacción constante do goberno de Digna Rivas e da descoordinación entre os diferentes departamentos do mesmo”.