Este mércores chega a Redondela un dos pratos fortes do verán. Un concerto enmarcado dentro do programa do Xacobeo e que finalmente será de balde, malia que nun primeiro momento dende a Xunta fixaran un prezo de 8 euros e incluso valoraran a posibilidade de facelo no Multiúsos da Xunqueira, o que suporía reducir moito o aforo para un concerto que prevé reunir a centos de persoas.
A cita coa banda de Carlos Tarque será este mércores 27 de xullo ás 22:00 horas no Campo da Feira. Un concerto no que se escoitarán temas clásicos desta formación nacida nos noventa como Carolina, Llamando a la tierra o Quédate a dormir e que finalmente será de balde porque, segundo explicaba a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, “a Xunta de Galicia atendeu a nosa reclamación na que criticabamos que un concello como o noso contara só cun concerto, nun día de semana e encima de pago, cando noutros concello como o de Mos a oferta que chega o goberno galego é moito maior e sempre de balde”.
Un concerto enmarcado dentro da programación de verán do Concello de Redondela que nesta semana tamén nos ofrecerá a actuación de Seso Durán. O artista afincado en Redondela presenta o seu segundo disco en solitario “Ascensión”. Pop, rock e algún toque indie para un concerto de balde que se desenvolverá o día 29 de xullo ás 22:00 horas na praza da Casa da Torre.