CAAN é un centro de acollida e protección de animais que traballa xunto coa Deputación de Pontevedra para sensibilizar e responsabilizar a xente sobre a adopción e coidado dos animais, máis concretamente dos cans. Segundo os datos facilitados o abandono de animais é unha problemática crecente. En Redondela foron abandonados 27 , dos cales 17 seguen nas instalacións de CAAN a espera de ser adoptados.
No que vai de ano dende o 1 de xaneiro ata o 27 de xullo desde o municipio de Redondela déronse 44 avisos solicitando os servizos desta asociación. Deses avisos 10 foron falidos e 7 foron recollidos polos seus donos. Finalmente 27 dos cans atopados na contorna de Redondela quedaron no centro de recollida e co tempo 10 foron adoptados. Aínda quedan 17 cans nas instalacións de CAAN con coidados e atención especializada, á espera de ser adoptados. Con estes datos pódese comprobar que hai máis abandonos que adopcións e polo tanto é moi importante a labor de campaña directa que fan nos municipios.
A través das campañas e Stands informativos pretenden aumentar o número de adopcións en verán, época na que o abandono acrecenta. Marcos López, membro da asociación, estivo no Stand instalado na Praza do Concello. Alí encargábase de repartir “recolledores de excrementos” e penso gratuitos facilitados pola concellería de Medio ambiente e tamén exemplares do conto “Benvida á Casa , Onza” que forma parte da campaña de concienciación para os cativos chamada “Educaando”.
Ademais de traballar con concellos de Pontevedra, tamén traballan directamente coas escolas e organizan visitas as súas instalacións. No centro “intentan concienciar aos nenos e nenas sobre a adopción responsable e ensínanlle o equipamento e os procedementos que conleva o traballo na asociación”.
Unha das cousas que queren deixar claro CAAN é que non se dedican directamente a recollida nas rúas. Normalmente o procedemento comeza coa veciñanza, estes deben chamar as autoridades ou o 112 e as administración encárganse de avisar a CAAN para a súa acollida e coidados.
Para as persoas interesadas en adoptar, Marcos explica que “todos os cans están vacinados, castrados e levan xa incorporado o chip de recoñecemento, todo de forma gratuíta”. Isto é algo que incentiva e axuda de cara a adopción, pero “a partir da chegada ós fogares, é importante que os donos saiban que coidar un animal conleva unha responsabilidade e coidados diarios dos que se teñen que facer cargo”.
Pódese atopar máis información na súa páxina web CAAN e redes socias, así como a través do número de teléfono 986 14 03 60.