Trasmañó, a subida ao Colexio Vigo e o Viso, son tres puntos nos que ao longo dos últimos días teñen aparecido vertidos ilegais. Mobles, ordenadores, cascallos e diferentes enseres domésticos forman parte deste vertedoiros que están a seren investigados pola Policía Local. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Alvarez lamenta estes comportamentos incívicos “cando hai unha recollida gratuíta con tan só facer unha chamada a Urbaser”.
Os vertidos ilegais e a aparición de cascallos de obras en diferentes puntos do Concello non é algo excepcional nin en Redondela nin noutros concellos. Periodicamente a veciñanza alerta da aparición de restos, normalmente en puntos afastados das vivendas ou mesmo no medio do monte, onde os desaprensivos aproveitan a falta de vixilancia para depositar o material do que se queren desfacer. Nalgún casos trátase de material potencialmente perigoso e cuxo tratamento suporía un custe económico, por exemplo, os restos de uralita.
Con todo, o máis habitual, como aconteceu estes días en diferentes puntos do concello, dende Trasmañó ata o Viso pasando pola Subida ao Colexio Vigo, é que os restos depositados sexan electrodomésticos, restos de mobles, ordenadores ou incluso xoguetes.
Unhas actuacións que segundo explica o Concelleiro de Medio Ambiente increméntanse no verán. Algo que non ten xustificación de ningún tipo cando “urbaser recolle este tipo de voluminosos de xeito gratuíto, con tan só unha chamada de teléfono na que se indica a persoa onde e cando depositar eses restos”.