Durante dúas semanas 14 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos están a realizar obradoiros, estudos das especies autóctonas e proxectos das propias instalacións da illa. Mañá venres rematará a súa estadía en San Simón, onde realizan visitas teatralizadas amosando de forma lúdica o seu pasado e presente. Ademais, catalogan as especies vexetais, instalan carteis interpretativos en formato “QR” e realizan tarefas de apoio nas actividades culturais que se levan a cabo nas instalacións. Así mesmo, os participantes levan a cabo actividades complementarias como a iniciación aos deportes náuticos, ao baile tradicional, estudo dos usos e costumes de pesca da zona, así como talleres interxeracionais con perspectiva de xénero coas mariscadoras locais. Trátase dun dos campamentos de voluntariado organizados pola Xunta de Galicia.
Viaxes á Illa de San Simón
O Concello de Redondela promociona viaxes á illa de San Simón ao longo do mes de agosto. A primeira saída será mañá venres ás 16.30 horas desde o Porto de Cesantes. O sábado día 13 e o domingo 14 haberá unha saída de mañá, ás 11.30 desde o Museo Meirande, e outra de tarde ás 16.30 desde Cesantes. O luns 15 de agosto, o sábado día 20 e o domingo 21 as viaxes serán ás 16.30 horas desde o peirao de Cesantes. O percorrido ten unha duración de dúas horas, unha pola enseada e outra na illa. O prezo é de 8 euros por persoa, 4 euros para nenos e nenas de 5 a 12 anos. As reservas poden facerse na web de Cuceros Ángel.