O esperado Entroido de Verán volve despois de dous anos de parón pola pandemia. O sábado 20 de agosto as rúas de Redondela esperan a miles de persoas que poderán gozar dos concertos de Herdeiros da Crus e De Vacas, xunto con DJs locais que porán a bailar a todo o mundo ata as 4h da mañá. Este ano ademais, a programación destaca por un enfoque familiar con actividades dirixidas aos máis cativos e cativas.
Dende ás 20h da tarde a música e o espectáculo serán os protagonistas do campo da Feira. O Dj local Carlos González abrirá a festa e a famosa Gala Drag continuará a partir das 21:30h coa novidade de incluír dentro do concurso a modalidade Drag King. Xa cara a noite De vacas dará un concerto ás 23h no mesmo recinto, seguido do concerto de Herdeiros da Crus, unha das bandas galegas de rock máis importantes do panorama. Para aqueles que queiran continuar bailando, Dj Charlie e Rodri Vegas pecharán a sesión musical que durará ata ás 4:00h da mañá.
Este ano o Concello de Redondela realiza unha forte aposta polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán de Redondela quere desmarcarse do macro-botellón con xogos e actividades para toda a Familia. A novidade inclúe diferentes localizacións no centro da Vila como a Pista da Xunqueira, a Alameda de Castelao, a Praza de Lenda ou o Campo da Feira nas que se poderán atopar coches a pedais, inchables, un touro mecánico e un jumpig acrobático, entre outras moitas sorpresas.
Durante a presentación do evento a alcaldesa Digna Rivas quixo dar relevancia a dúas problemáticas actuais. Por unha banda, estarán a disposición do público en todo momento os Puntos Violeta como instrumento para a igualdade e a seguridade. Ademais, coa problemática da seca que se estende este verán por todo o país, dende o Concello queren deixar claro que toda a auga que se utilizará nas actividades infantís será reutilizada para regadío e limpeza.
Esperase un público masivo con ganas de festa despois de dous anos de restricións por mor da Pandemia do Covid-19. A Concelleira de Cultura, Iria vilaboa, aclara que tiveron en conta todas as posibilidades e o transporte estará garantido cada hora en distintos puntos da comarca. Por exemplo, nas rutas de Vigo ou Porriño haberá buses González desde ás 16h da tarde do Sábado ás 8h da mañá do domingo.
Xa está todo preparado par ao evento máis multitudinario de Redondela. A seguridade está coordinada con Protección civil e se inclúe o obrigado hospital de campaña. Os hostaleiros porán a disposición 9 barras de bebida e comida e o transporte está asegurado durante toda a noite. Dende o goberno local queren resaltar a importancia de ofrecer actividades familiares, para intentar desmarcarse do macro botellón que dominaba a rúa durante os últimos anos.