As medidas de aforro enerxético que comezaron o pasado día 10 de agosto plantexan conflitos de opinión entre a xente da vila. Hostaleiros, comerciantes e consumidores están sendo afectados dunha maneira ou outra polo plan establecido dende Bruxelas. O obxectivo é comezar a reducir o consumo enerxético ante a ola inflacionista e o risco de corte de subministro de gas a Europa.
A primeira medida que entrou en vigor é a que incumbe á temperatura dos edificios, especialmente en oficinas ou establecementos comerciais. O real decreto establece que a temperatura do aire dos recintos non será superior a 19 graos, cando se trate de calefacción; nin inferior a 27 graos, no caso do aire acondicionado.
Sara e David traballan nunha pizzaría local e están expostos todos os días a calor dun forno que pode chegar aos 300 graos de temperatura cando está acendido. As medidas de restrición do aire acondicionado vai supoñer para eles pasar máis calor o que queda de verán.
Dentro do mundo da hostalaría tamén hai quen está de acordo coas medidas e considera que non vai afectar demasiado ao seu negocio nin aos clientes. É o caso de Antonio e Jorge, dous hostaleiros da vila que consideran que as imposicións do goberno son necesarias e están motivadas pola situación actual.
A outra medida que entou en vigor o mércores e que, como a anterior, estará en marcha ata o 1 de novembro de 2023, é a relacionada coa luz dos escaparates e dos edificios públicos baleiros. O que di o decreto é que a iluminación dos escaparates deberá manterse apagado desde as 22h.
Algunhas persoas pensan que isto suporá unha perda en canto as vendas. María é unha dependenta dunha tenda de roupa de Redondela e cree que “a perda da luz dos escaparates pola noite pode supor a sensación de estar nun pobo morto”.
O que si teñen claro algúns veciños do municipio, como Ignacio e Isabel, é que os políticos deberían dar exemplo e os sacrificios deberían estar repartidos por igual.
Hai que ter en conta tamén que hai excepcións dentro das medidas. Os Centros sanitarios e hospitalarios, de formación –como colexios, universidades ou garderías–, salóns de peiteado, ximnasios, avións ou trens, están exentos. Tamén os cuartos dos hoteis, que son considerados espazos privados. En cambio, as zonas comúns dos hoteis, as estacións de autobuses, de metro ou de tren, os teatros, cinemas, tendas ou salas de exposicións si que teñen que cumprir, pero con flexibilidade.
Segundo os datos facilitados pola “Red Eléctrica de España”, durante a segunda semana de agosto a demanda enerxética caeu un 4% en comparación cos sete primeiros días do mes. Os datos oficiais revelan que os establecementos comezaron a implantar a regulación da temperatura e o apagado de escaparates con antelación. En xeral a situación aínda é de incerteza, pero os datos parecen que están comezando a ser positivos xa nas primeiras xornadas de implantación.