O Entroido de Verán, que este sábado celebra a súa 23º edición, estará marcado este ano por un amplo programa de actividades para o público infantil e familiar. Dende o goberno local salientan a importancia deste tipo de actividades para tentar desmarcarse da imaxe de macro botellón que dominaba as rúas durante os últimos anos. Desde xeito a rapazada contará cunha gran oferta de ocio repartida por todo o centro da vila, desde a pista da Xunqueira ata a Alameda Castelao, pasando polo Campo de Petanca, a Praza da Torre, a Praza de Lenda e a rúa Salgueiral. Miguel Estrada, da compañía Animar-T, agradece este protagonismo das actividades para o público infantil “xa que os nenos foron os grandes esquecidos durante a pandemia”.
O seu espectáculo “A bailar” abrirá os espectáculos para o público familiar o sábado ás 19.00 horas no Campo da Petanca. Un show coñecido xa polo público redondelán e que achegará moitas sorpresas con cancións, baile, maxia e globos xigantes.
Na Praza da torre a compañía Oviravai ofrecerá o concerto “Paio e o poder da música” ás 20.30. A oferta complétase con actividades desde as 18.00 horas: inchables de auga e festa da escuma na pista da Xunqueira, circuíto de coches a pedais na Alameda Castelao, xogos xigantes na Praza de Lenda e saltos acrobáticos na rúa Salgueiral.