Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz xunto ao guitarrista Guillermo Fernández son “De Vacas”, o grupo galego que triunfa nos escenarios e nas redes. Mañá sábado estarán en Redondela dentro da programación do Entroido de Verán e prometen un concerto “moi entroideiro e divertido”.
Non se trata dun grupo de versións, xa que fan unha “transformación total” dos temas, como explica Paula Romero, “Morena”. O trío vocal dálle unha nova vida a grandes éxitos de artistas como Rosalía, Enrique Iglesias, Beyonce ou as Spice Girls, cun xiro na lingua e tamén nas letras, que retranqueiras e reivindicativas.
Pásano ben co que fan, cantan e rin, tanto nos ensaios como nos concertos, e iso nótase. No concerto, un dos pratos fortes do Entroido de Verán, animarán a un público que seguro estará entregado logo de dous anos de restricións “e con moitas ganas de festa”.
Logo do éxito no concerto que ofreceron na Praza da Torre hai dous anos, regresan a Redondela mañá sábado, ás 23.00 horas no campo da feira.