O Concello promove para mañá sábado unha festa libre de violencia machista e tamén “respectuosa coa contorna e co medio ambiente”. Eses son os eixos da dobre campaña que Redondela ten en marcha coa intención de concienciar á cidadanía para gozar do Entroido de Verán. Aos Puntos Violeta e Puntos Arco da Vella, que poñen o foco de atención sobre a igualdade, á diversidade e a erradicación da violencia machista, o Concello instalará tamén un punto de información sobre seguridade e medio ambiente. Estará na antiga caseta da Oficina de Turismo da Alameda Castelao. “Queremos que a palabra clave deste Entroido de Verán sexa Respecto porque é a que mellor define todas as actuacións buscamos dende o Goberno local”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora lembra que é un concepto que abrangue “tanto á liberdade individual como á liberdade dos demais e ao medio ambiente, a contorna na que te atopas”.
A campaña “Desfruta un Entroido con respecto” insistirá en lemas como “Non che pedimos que limpes, só que non ensucies”; “ Sé parte da solución, non da contaminación”; “Respecta, utiliza as papeleiras e contedores” ou “Respecta, utiliza os baños públicos”. Deste xeito o Concello “apela á responsabilidade de cada quen para manter os espazos públicos sen lixo e respectar o medioambiente”, explica Rivas.
Reforzo de limpeza, colectores e baños públicos
A Concellería de Medio Ambiente instalará máis de 40 novos colectores de lixo e 14 puntos con varios baños públicos que estarán distribuídos por todo o casco urbano, especialmente naqueles lugares con maior afluencia de público.
Desde o goberno local pretenden que este Entroido de Verán sexa “exemplar”, e animan á cidadanía de todas as idades a divertirse “respectando a contorna, non tirando lixo, e, por suposto, rexeitando e denunciando calquera tipo de violencia machista o sexual, sexa esta do tipo que sexa, remata a alcaldesa.