O pasado mes de xullo as traballadoras manifestáronse ás portas do Concello
O sindicato CUT denuncia que a empresa Os Ventos Innovación en Servizos, adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar en Redondela, está a facer “unha nefasta xestión do servizo” o que está a poñer en risco os coidados dos beneficiarios “deixándoos sen servizo en repetidas ocasións”. O sindicato advirte que beneficiarios e familiares están a facer reclamacións no rexistro do Concello por non percibir a axuda no seu fogar, porque cambian ás auxiliares ou por modificacións nos horarios “pero non reciben resposta nin aclaracións as súas queixas”.
Dende a Central Unitaria de Traballadoras denuncian que non só o coidado dos maiores empeora, senón que a situación laboral das empreagdas tamén, e poñen en dúbida que os tipos de contrato, as quendas e os días de descanso “sexan o permitido no convenio”.
A empresa fíxose cargo do servizo o pasado mes de maio, e as representantes das traballadoras afirman que a situación “non fixo máis que empeorar”. O pasado mes de xullo xa se concentraron ás portas do Concello para reclamar melloras no servizo que aínda non se produciron.