Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Por un consumo responsable da auga e sen transvases

encoroNon

A Plataforma lamenta as declaracións do  alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que demanda da Xunta o transvasamento de auga dos ríos Verdugo e Oitavén ao encoro de Eiras. Lembran desde “Encoro Non” que a presa de Eiras está case ao 90% da súa capacidade “mentres os concellos do seu arredor están en situación de especial dificultade pola seca”. Por iso cualifican as peticións de Caballero de “insolidarias” ao  pretender ter un encoro ao 100% “cando moitos municipios están a xestionar o abastecemento da auga aos seus veciños con reservas que roldan o 40% ou incluso menos”. O alcalde vigués solicitoulle á Xunta que se reduza o caudal ecolóxico dos ríos Verdugo e Oitavén e esixe un transvase para captar auga na confluencia destes dous ríos que facilite o transvasamento. Para a Plataforma estas propostas están “fóra de lugar, ignoran as necesidades dos demais concellos e a necesidade de preservar o caudal ecolóxico dos ríos”. Advirten que o transvase suporía un grave perigo para a vida nos propios ríos Verdugo e Oitavén “moi afectados pola seca e cun nivel moi por debaixo do habitual” e rexeitan a petición de Caballero “para seguir coa súa política de malgasto de auga”.

O colectivo explica que os esforzos da administración deberían centrarse en solucionar “as enormes fugas do sistema de abastecemento para que a auga non quede polo camiño” e poida chegar aos fogares dun xeito eficiente “sen ter que poñer en perigo os ecosistemas do Verdugo e o Oitavén”. Critican tamén a posta en marcha de actividades de ocio como tobogáns acuáticos en Concellos “que están a piques de quedar sen auga”.

Desde “Encoro Non” demandan que tanto cidadáns como administracións  asuman que a auga non é un recurso ilimitado senón “un ben escaso que temos a obriga de xestionar dun xeito eficiente para un uso racional que non provoque desequilibrios no ecosistema”. Lembran que a auga é un recurso sobre o que todos temos dereito “pero que ninguén ten a súa propiedade”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará