O Bloque promove unha Iniciativa Lexislativa Popular de SOS Sanidade Pública ao Parlamento para esixir “unha atención sanitaria digna”.
O BNG recollerá sinaturas no concello de Soutomaior en apoio da sanidade pública galega, “maltratada sistematicamente durante anos polo PP”, denuncia o voceiro Manu Lourenzo. Esta recollida de firmas forma parte da campaña lanzada polos nacionalistas para levar ao Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que o BNG forma parte. O grupo municipal do BNG de Soutomaior instalará unha mesa este venres e este sábado na Alameda de Talo Río, desde as 10.00 horas, para que a veciñanza poida achegarse “e apoiar esta loita por unha sanidade galega digna”. Esta ILP pon no foco a situación de “precariedade” na que se atopa o Servizo Galego de Saúde “logo de 13 anos de recortes e austeridade do goberno do PP, tanto para os profesionais sanitarios como para os pacientes”
Advirten que no caso de Soutomaior levan anos cunha atención sanitaria “cada vez de menor calidade”. O profesionais sanitarios son insuficientes, denuncia Lourenzo, e o peche de espazos como o consultorio de Romariz agravouse “ao quedar o municipio sen pediatra todo o mes de xullo, e coa perda dun dos tres médicos que consultan en Soutomaior até o 16 de setembro”.
O BNG demanda un aumento no orzamento destinado á Atención Primaria até chegar á media estatal, dar estabilidade ao persoal do Sergas e incorporar categorías novas ao sistema sanitario público galego.