En xeral, en Galicia os alimentos encarecéronse un 10,6 % en xuño respecto ao mesmo mes do ano pasado. O consumo, por contra, caeu un 8,8 %, cos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Como consecuencia o custo da cesta da compra crece, cambiando os hábitos de consumo da poboación. O incremento de prezos dos produtos alimenticios roza xa o 13% respecto a xuño de 2021. O aceite subiu un 51% e os derivados lácteos un 14,9%. Tamén se rexistra subida nas conservas (+9,2%) ou a charcutería (+6,8%).
Esta aumento de prezos afecta a toda España e a xente de Redondela está adaptándose a nova situación. Elena, unha traballadora do supermercado Froiz conta que “as bebidas azucradas e os doces pasan a un segundo plano, porque a xente está tratando de priorizar os alimentos de primeira necesidade”.
Carlos e Manuel, dous carniceiros redondeláns explican que a xente está escollendo como alternativa as proteínas máis baratas. O polo ou o porco son o que máis consume a xente, fronte a carnes máis caras ou de maior calidade.
Concretamente, Manuel ten unha carnicería na que prioriza a calidade do produto e “trata que o prezo repercuta o menos posible no cliente o que fai que teña menos marxe de ganancia”. Para el as grandes superficies téñeno máis fácil, porque “poden subir o prezo ao deterxente e deixar os alimentos máis estables”.
O leite e a froita son os alimentos frescos que máis subiron e que máis notan nos petos os consumidores. O litro de leite xa roza o euro, cunha subida nos seus prezos do 18,8 % pero unha caída no seu consumo que non chega ao 5%, xa que é un produto elemental na nosa dieta. A sandía e o plátano están ao dobre que o ano anterior, algo que sorprende moito a Paz e Marina dúas redondeláns que entenden “que aínda que a suba de prezos se nota moito, non queda máis remedio que lévalo como se poida”
A suba de prezos en moitos casos roza o dobre con respecto a 2021. A xente de Redondela cambiou os seus hábitos de consumo, pero na súa maioría non cambiaron a unha dieta menos saudable. Nos supermercados notan que os produtos básicos seguen un curso regular e a dieta equilibrada con carne e verduras segue sendo unha prioridade fronte aos precociñados, os refrescos ou os snacks sen valor nutricional. As cestas da compra son máis pequenas e máis caras, pero os alimentos sas seguen primando no consumo dos e das redondelás.