Imaxe de arquivo da nave que se vai demoler
O proxecto do aparcadoiro disuasorio situado na contorna da Praza de Ponteareas entra nos últimos días do proceso de licitación para dar comezo á obra. Os traballos supoñen a demolición da antiga nave situada na parcela que o Concello mercou o pasado verán. Deste xeito os 4.000 metros cadrados da parcela transformarase nun estacionamento cono zonas verdes. A concelleira de Urbanismo, María Castro, explica que se trata dun proxecto moi importante, xa que por unha banda elimina “o feísmo” da entrada da vila coa demolición da nave vella, e por outra permite á veciñanza da zona e aos visitantes estacionar dun xeito máis sinxelo. A actuación que se vai desenvolver na zona terá tamén un impacto medioambiental positivo, xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral. As obras permitirán un maior aproveitamento deste espazo natural e a súa posta en valor.
O novo aparcadoiro dará solución ao estacionamento dos vehículos das persoas residentes na zona, e tamén evitará a masificación de coches nas beiravías da estrada. A súa situación estratéxica, na entrada do centro urbano, contribuirá tamén a diminuír o tráfico rodado na vila e creando máis espazos para os peóns. Castro recoñece que o proxecto de remodelación da Praza de Ponteareas sen un aparcadoiro adecuado “non tería sentido”.
Este novo aparcadoiro virá a complementar os que xa existen no casco urbano fronte ao Mercado Municipal e no Campo da Feira, ademais do aparcadoiro soterrado da Xunqueira.
A compra da parcela situada a carón do convento de Vilavella supuxo un superior aos 449.000 euros, dos que 416.000 euros foron achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019.