O Concello convoca unha concentración en contra do recorte de profesorado no IES Mendiño secundada pola Federación de ANPAS de Redondela. Será o venres día 2 de setembro ás 20.00 horas. O executivo local trasladou aos grupos da oposición unha declaración institucional para consensuar o seu texto e proceder a súa lectura na Praza do Concello.
A alcaldesa, Digna Rivas, anunciou a convocatoria desta protesta. Rivas xa adiantara a intención do goberno local de dar este paso tralo anuncio da Consellería de Educación de reducir o cadro de persoal do IES Mendiño en 4 docentes. Considera que se trata dunha medida “arbitraria” e que ataca directamente “á calidade do ensino e polo tanto, ao futuro dos nosos fillos e fillas”. A rexedora comparte as declaracións da ANPA do IES. O presidente Anxo Lusquiños afirma que o debate debería ser “o incremento de profesorado nos centros, e non ter que esixir que non nos quiten o que xa temos”.
O Goberno local enviou xa aos grupos da oposición o texto do que será a Declaración Institucional do Concello de Redondela en contra dos recortes no ensino público “para unir forzas e loitar por unha educación pública, gratuíta e de calidade”. Rivas amosou a súa confianza do apoio partidos con representación no Concello “a un texto que non fai máis que poñer o foco de atención sobre o sistemático desmantelamento do ensino público que está a levar a cabo a Consellería”. Nese sentido a alcaldesa de Redondela amosou a súa “fonda decepción” polo rexeitamento do PP a asinar o manifesto consensuado xa co ANPA do IES Mendiño, Federación de ANPAS, AER e BNG. A alcaldesa critica que o grupo popular de Redondela “antepoña a defensa do seu partido en Santiago aos lexítimos intereses da veciñanza.