Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cultura mariñeira para nenos e kitesurf para mulleres da man do club Salitre

salitre

O Club Deportivo Salitre ofrece, de maneira gratuíta, un taller infantil no que descubrir a cultura mariñeira da Enseada de San Simón. O vindeiro martes día 6 de setembro, en horario de 18:00 a 20:00, nenos e nenas a partir de 6 anos terán a oportunidade de divertirse descubrindo as artes de pesca empregadas na ría de Vigo e vivir unha xornada de marisqueo a pé no areal de Cesantes. Nesta actividade, que conta coa colaboración da Asociación de mariscadoras e mariñeiros Amarturmar, a rapazada aprenderá das mans expertas das mariscadoras e mariñeiros da Confraría de Redondela. Unha boa ocasión para coñecer un oficio tradicional que durante décadas foi o sustento para moitas familias da zona e entender a importancia do papel da muller no mar. A actividade tamén pon en valor a propia enseada, espazo incluído na rede Natura 2000, e os produtos de altacalidade que dela se extraen. As prazas son gratuítas e están dispoñibles na páxina web do club www.salitreclubdeportivo.com.

Kitesurf para mulleres

Salitre Club Deportivo continúa coa súa oferta de cursos gratuítos de iniciación a deportes náuticos. Nesta ocasión impartirá un de iniciación ao kitesurf exclusivo para mulleres. Será o luns, 5 de setembro, en dúas quendas: ás 15h e ás 17 horas. Con esta iniciativa, Salitre fomenta a práctica dun dos deportes que máis creceu nos últimos anos entre o público feminino. Tal e como afirma o seu Director Deportivo, Artur Fariñas, “o prezo do equipo e a formación necesarios para a práctica do kitesurf, adoita ser un freo á hora de probar esta disciplina”. Confían en que este curso gratuíto rompa esa barreira inicial e que as 20 prazas que ofrecen sirvan para que 20 mulleres descubran “por que o kitesurf é unha das disciplinas deportivas que máis se practican nas nosas augas”. Este bautismo de clase teórica e práctica está aberto a rapazas e mulleres maiores de 9 anos. Non require de coñecementos previos nin preparación física específicas. Para acceder ao curso debe facerse a reserva na web www.salitreclubdeportivo.com. A iniciativa conta co financiamento do GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro), Xunta de Galicia e Fondos da Unión Europea.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará