Logo do ascenso acadado a pasada temporada polo equipo sénior, o club militará este ano na Terceira División. A pretemporada están a facela inmersos na competición da Copa Galicia. Logo de eliminar ao Beade na primeira ronda, este domingo enfrontarase ao Leis Pontevedra. Todo un “premio” para o club, segundo apunta o seu coordinador Fran Iglesias. Recibirán no pavillón da Marisma a un dos equipos máis importantes da provincia, o que será todo un espectáculo para os afeccionados e ademais servirá tamén para calibrar o equipo de cara á temporada que está a piques de comezar. A cita será ás 18.00 horas.
No Redondela FS agardan con ilusión o comezo de liga. Sabedores de que a categoría será moito máis esixente que a da pasada temporada, marcan como obxectivo a permanencia. Seguindo coa filosofía do club fan unha aposta clara pola súa canteira “coa incorporación dalgún reforzo”. Iglesias sinala que “confían plenamente nos xogadores e no equipo técnico” e pide “paciencia” aos seus seareiros para adaptarse á competición.
O campión da pasada liga en Preferente, o SD Pazos, acompañará tamén ao Redondela na categoría nacional. E tamén está a participar na Copa Galicia. Logo de superar ao Carballiño este domingo recibirán ao Sala Ourense.