Mesmas propostas, mesmo debate, mesmos resultados. Unha vez máis non houbo sorpresas e o pleno, cos votos a favor de PSOE e PP sacou adiante a proposta do goberno de festivos locais para o 2023. Desta vez non houbo enquisa previa como si acontecera nos dous anos anteriores e, tal e como se prevía, resultaron elixidas as dúas datas habituais do Luns do Cristo e o Xoves da Coca ao contar co apoio dos grupos maioritarios. Dende o BNG pola contra apostan por un festivo non relixioso na vez do Luns do Cristo e AER lamentaba que se perdera nesta edición a posibilidade de consultar esta cuestión entre a cidadanía.
A proposta do grupo de goberno era defendida pola socialista María Castro, quen argumentanba que “non atopamos outras datas máis significativas para a veciñanza de Redondela que estes dous festivos tradicionais”.
Un debate a continuación que non deparou sorpresas e, tal e como se prevía, resultaron elixidas as datas habituais do Luns do Cristo e o Xoves da Coca. Dende AER lamentaban que non se realizara a consulta popular promovida polo seu partido cando formaba parte do grupo de goberno.
Insistia tamén o edil da Agrupación, Manuel Vila, que a súa proposta pasa porque o festivo sexa o Martes do Entroido na vez do Luns do Cristo.
Sen marcar unha data concreta, falaba tamén o edil do BNG do seu desexo de que algunha das datas elixidas non estea vinculada directamente con cuestións relixiosas. Nomeadamente manteñen que se substitúa o festivo do Luns do Cristo por outra data como o San Xoán ou mesmo o entroido.
O PP insistía na necesidade de “manter as tradicións no noso concello”. Apostan así por manter as datas do Luns do Cristo e Xoves da Coca, apoiando a proposta do goberno socialista.