O BNG lamenta a falla de explicacións da Xunta sobre a vertedura de gran tamaño que se producirá na beiramar de Redondela en maio do ano pasado. A nacionalista Alexandra Fernández critica que “o Goberno de Rueda se negue a certificar a orixe da vertedura, deixando impune e sen ningún tipo de sanción á empresa contaminante”. Lembran que todo apuntaba a Aucosa como posible autora do vertido
O BNG lamenta a falla de explicacións por parte da Xunta en relación á vertedura que afectou á beiramar de Redondela en maio de 2021. A fronte nacionalista critica que o Goberno galego do PP responda un ano e medio despois á pregunta formulada polo BNG sen aclarar nin a composición nin a procedencia da mancha de 300 metros detectada na ría de Vigo.
“O Goberno de Rueda négase a certificar a orixe da vertedura, deixando impune e sen ningún tipo de sanción á empresa contaminante”, denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández. “Semella que a Xunta non quere chegar ao fondo da cuestión para evitar tomar medidas e depurar responsabilidades”, cuestionou a deputada nacionalista.
As informacións dispoñíbeis sinalaban a unha vertedura de graxa animal que desprendía un forte fedor a peixe podre, polo que todo apunta a algunha factoría próxima que opera con esta materia prima. Porén, a resposta emitida pola Xunta non confirma a procedencia da vertedura, nin se esta tiña relación coas actividades da empresa Aucosa, e tan só se limita a recoller unha cronoloxía das actuacións para a retirada da mancha das augas da ría de Vigo.
Desde o BNG lembraron que este episodio vén a sumarse a un longo historial de verteduras na zona, polo que urxiron máis unha vez actuacións “contundentes e eficaces” para poñer fin a estas prácticas sistemáticas. Nese sentido, o voceiro municipal do BNG de Redondela, Xoán Carlos González, acusou á Xunta de Galiza de “permitir a impunidade” da contaminación na Enseada de San Simón e sinalou o “enorme prexuízo para o equilibrio medioambiental e o futuro dos sectores produtivos” que supoñen as “nefastas” políticas do PP, consentindo verteduras e xustificando recheos na Enseada.