El Concello vén de presentar o proxecto dun novo parque xardín de máis de dez mil metros cadrados. Un parque no que priman as variedades autóctonas, no que se integran os elementos tradicionais cos novos e no que llos visitantes poderán atopar todo tipo de froitas ao seu alcance segundo explicou o rexedor, Agustín Reguera. A nova zona verde conectará co actual xardín traseiro da Casa do Concello e estará situado na Rúa Alexandre Bóveda.
Contará con tres accesos diferentes, dous deles a ambos os dous lados da Casa do Concello e un terceiro a través do miradoiro e a zona de gardería que se creará na marxe da PO-244. Cada acceso contará cun itinerario específico a través dos xardíns e espazos de lecer até atoparse os tres na chaira central, unha zona pavimentada de máis de 1600 metros cadrados acondicionada para acoller diferentes actividades e eventos sociais.
En total o parque terá un total de 11 zonas diferenciadas segundo o seu uso e as especies arbóreas que se poderán atopar neles. Así, hai zonas con diferentes variedades de árbores froiteiras como maceiras, figueiras, perais… , unha zona boscosa, outra con especies vexetais de porte baixo, varios grupos de cerdeiras e unha zona cun viñedo tradicional que xa se atopaba nas primeiras ortofotos del municipio nos anos 50.
Do mesmo xeito, o parque tamén conta cunha zona de lecer e esparexemento destinada a fomentar as relacións sociais entre os veciños. Un espazo con varios bancos e muretes circulares que contará con zonas de sombra e unha pradaría de herba natural.
Con este proxecto, segundo indicou o alcalde, Agustín Reguera, durante a presentación, o Concello de Soutomaior aposta pola creación de espazos de lecer sustentables. Para a adquisición dos terreos necesarios o Concello de Soutomaior xa iniciou os trámites dentro do Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, o mesmo proceso utilizado para a creación do novo Centro de Saúde de Arcade, polo que agora deberá esperar á avaliación de impacto ambiental que realizará a Xunta de Galicia.