Comenza unha nova tempada no Club de Remo Chapela, que onte celebrou a presentación oficial de todas as categorías inferiores. Superarán un ano máis o cento de fichas con rapaces e rapazas de todas as idades, o que lles permitirá participar nas 10 categorías do remo galego. Desde o club cualifican de “éxito” esta presentación coa incorporación de novos remeiros e remeiras, e lembran que a inscrición segue aberta. O presidente, Julio Prado, lembra que as portas están abertas para todos os maiores de 8 anos de idade.
Confían en que na temporada 2022-23 poidan repetir os éxitos da campaña que acaba de rematar. Un ano máis os barcos de categoría sénior competirán na Liga Galega de Traiñeiras, logo da renuncia da traiñeira feminina a participar na Liga Euskotren. O barco redondelán, que foi segundo na LGT Feminina por detrás de Cabo, podería ter ascendido á máxima categoría do remo na competición que se celebra en Euskadi. Os longos desprazamentos e a falta de garantía dun equipo competitivo para pelexar en augas vascas levaron ao club a renunciar. Prado recoñece que foi unha decisión “difícil” porque as deportistas “merecían estar nesa élite”. O presidente lamenta que, ao non tratase de profesionais, moitas non poderían desprazarse “polos seus compromisos laborais”.
Será Tirán quen ocupe a praza do barco de Chapela na máxima categoría xunto a Cabo. As de Moaña foron cuartas na liga galega pero, a renuncia de Chapela e a non inscrición de Mugardos-A Cabana, que foi 3º, levou á ACT a convidar finalmente a Tirán.