Masiva mobilización a que se vivía esta tarde noite no centro da vila, onde máis dun milleiro de persoas percorreron a distancia que separa o Centro de Saúde da Casa do Concello, nunha marcha na que se escoitaron lemas como “A sanidade non se vende, se defende” ou “Rueda escoita, Redondela está en loita”.
Baixo o lema “Contra o desmantelamento do público, defendamos a sanidade” a marcha partía pasadas as 20:00 horas dende o Centro de saúde para percorrer a Avenida Mendiño, a rúa Ernestina Otero e regresar por José Regojo ata rematar na praza do Concello. Unha convocatoria que os organizadores cualificaron de “todo un éxito” e que rematou coa lectura do manifesto no que se denunciou un “desmantelamento estrutural que afecta a todo os ámbitos sanitarios e que responde a unha estratexia económica e ideolóxica que ven de lonxe” e que busca “reducir o público para favorecer o privado”.
Un desmantelamento que se traduce nunha atención primaria onde as listas de agarda en Redondela ou Chapela son de 10 a 16 días “algo que se repite en todos os centros públicos de Galicia e que a todas luces é insoportable” esixindo que se garanta a atención presencial “nun máximo de 48 horas de espera”.
Unha manifestación que busca esixir ao goberno “que cumpra e garanta o noso dereito a ter unha sanidade pública, de calidade, universal e equitativa”.
Dende SOS Sanidade Pública interviña tamén Manuel Moreira quen lembraba a campaña de recollida de sinaturas que busca presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reclamar que se destine á atención primaria un 25% do orzamento de Sanidade e se garanta así a “existencia de profesionais que poidan atendernos con tempo, a atención presencial, que haxa especialistas sen necesidade de pasar por filtros de teleconsulta, que as listas de agarda para acceder aos hospitais sexan tolerables”, unha ILP que precisa de dez mil sinaturas para que sexa escoitada no Parlamento.
A protesta contou co apoio de diferentes colectivos como Modepen ou a Federación de Anpas, así como unha importante presenza da política local entre os que se atopaban a alcaldesa, Digna Rivas e concelleiros tanto de AER como do BNG.