O club de Chapela experimentou moitos cambios nos últimos tempos. José Manuel Cardoso, que asumiu o cargo de presidente hai un ano, salienta que a canteira e os nenos e nenas “é o que nos move”. Contan con 90 fichas esta temporada, e agardan que poidan chegar ata un cento de xogadores e xogadoras ata o mes de decembro, cando pechan a inscrición. Para Cardoso é fundamental o traballo coa canteira e ofrecer á mocidade a oportunidade de practicar o deporte o fútbol sala “onde aprenden valores e compañeirismo”.
Este ano estrean por primeira vez a categoría “Biberón” grazas a un convenio co Chapela CF. Compartirán así co club de fútbol da parroquia parte dos seus horarios de adestramento no pavillón González Soto e farán descontos aos xogadores que teñan ficha nas dúas entidades.
Desde o Campito FS traballan tamén cos colexios da parroquia, ofertando a actividade extraescolar de fútbol sala e coa participación de moitos nenos e nenas. No club confían en que unha vez se “enganchen” a este deporte pasen a formar parte da canteira do Campito.
Este ano na categoría feminina contarán con equipo sénior, e nas categorías inferiores terán algúns equipos mixtos. Pola súa parte, o equipo de máxima categoría masculino milita este ano en Preferente, logo do descenso de Terceira da pasada campaña, na que baixaron un total de cinco equipos por mor dos arrastres.