Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela acolle a proxección de “Ciudad de la selva” sobre a guerrilla antifranquista nos montes de Casaio

ciudad de la selva

O Multiusos da Xunqueira acolle este venres día 7 ás 20:00 horas a proxección do documental “Ciudad de la Selva: fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio”. A continuación terá lugar unha conversa co seu director Miguel  Riaño e parte do equipo arqueolóxico encargado de estudar o acontecido no val de Casaio en Valdeorras.

Ciudad de la Selva conta a historia dos fuxidos do réxime franquista en torno á poboación galega de Casaio. Neses montes mantense entre os anos 1941 y 1946 unha resistencia activa contra o fascismo grazas ao apoio de membros das comunidades locais, mentres son perseguidos polas forzas da Garda Civil.

Neste documental nárrase, a través dunha análise historiográfica, arqueolóxica e testemuños de protagonistas dos feitos, o estudo das causas que levaron a crear este enclave de resistencia, de igual modo que os medios dos que se valían para subsistir, como afectaban os seus actos aos civís da localidade ou o papel da muller dentro da guerrilla.

Miguel Riaño, director do documental

Tras máis de cinco anos de investigacións, tres anos de produción, unha intensa campaña de crowdfunding e unha pandemia mundial, finalmente chegará á gran pantalla en Redondela a historia da “Ciudad de la Selva: fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio”, dirixida por Miguel Riaño e producida por Metropolis.coop.

Este documental, baseado no traballo científico da Asociación Sputnik Labrego, recolle a historia da Ciudad de la Selva, o conxunto de campamentos que a guerrilla antifranquista estableceu nos escarpados montes de Casaio e que foron ocupados tras a guerra civil española.

Un xacemento arqueolóxico abandonado que o equipo de Sputnik Labrego escavou en varias campañas desde o ano 2017, cuxos resultados son a base da peza que se presentará no auditorio do Multiusos da Xunqueira de Redondela.

 “A idea principal do documental é que existen aínda historias traumáticas do pasado recente que deben ser postas en discusión. Unha forma de xustiza histórica e de reparación das vítimas da represión e a violencia”, remata o director do filme.

A presentación do documental realizarase no Multiusos da Xunqueira coa colaboración do Colectivo Republicano este venres 7 de outubro ás 20:00 horas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará