Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Deputación licitará o proxecto da estrada Os Valos-Amoedo en canto o Concello de Pazos entregue os terreos

os valos

O proxecto para a mellora integral desta vía ascende a preto de un millón de euros e suporía optimizar a estrada que comunica o núcleo de Nespereira ata o entronque coa N-550 no Valos. A Deputación de Pontevedra asumiría o custe total da obra unha vez que os terreos estean dispoñibles.

 Unha nova xuntanza celebrada entre o deputado de Infraestruturas provinciais, Gregorio Agís, e o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, vén de dar un impulso á execución do proxecto integral de mellora da seguridade viaria na estrada EP-2702 Os Valos-Amoedo, que a Deputación leva catro anos tratando de acometer. O Concello expresa agora a súa vontade de colaborar para a posta a disposición dos terreos necesarios para corrixir os puntos máis conflitivos do trazado.

Gregorio Agís agradeceu especialmente á veciñanza a súa activa cooperación para facilitar esta necesaria obra, que conta cun proxecto redactado por valor de 968.984 euros para optimizar a estrada entre o núcleo de Nespereira e o remate no entronque coa N-550, en Os Valos. A Deputación asumirá o 100% da actuación ao tratarse dun tramo sen presión residencial e que, por tanto, non require nin de senda, nin da instalación de servizos municipais. Ademais, a Deputación comprométese a licitala en canto os terreos estean dispoñibles.

O proxecto provincial para Amoedo-Os Valos incluirá, por tanto, a ampliación da plataforma para dotación de beiravía e tamén a corrección das curvas con menor visibilidade. “É unha obra de envergadura, deseñada no marco das directrices da Deputación para transformar toda a rede provincial de estradas e que precisaba da colaboración do Concello de Pazos nas mesmas condicións pautadas nas que colaboran o resto dos concellos”, explicou Agís. “Hai un consenso en que a estrada de Os Valos a Amoedo non só ten un asfalto en mal estado, que é preciso reparar, senón que conta cun trazado inadecuado que, polo ben de toda a veciñanza de Pazos e polas persoas que utilizan a diario esta vía, é necesario mellorar con criterios do século XXI; por iso necesitábamos que o Concello se implicase na obtención dos terreos e poder así resolver as cuestións de fondo”. “Non queriamos facer un simple asfaltado, porque, ao igual que a veciñanza, entendemos que ese trazado necesita correccións”.

A Deputación anunciou tamén ao alcalde a súa vontade de continuar de xeito inmediato coa segunda fase das obras nos case 8 Km da EP-2702, xa na contorna do núcleo de Nespereira. Para responder ás necesidades desta zona, con densidade de poboación, preténdese executar unha senda peonil dotada de iluminación e de servizos soterrados de competencia municipal. Nesta segunda fase sería precisa, por tanto, a sinatura dun convenio de financiamento de acordo cos criterios aprobados pola Deputación. O proxecto será encargado en canto se senten as bases desta nova colaboración institucional. Finalmente, está planificada unha terceira fase ata o comezo da estrada en Amoedo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará