O Concello de Soutomaior vén de finalizar os traballos de humanización en dous viarios do municipio, as rúas Barreiros e O Conde. A actuación tiña o obxectivo de incrementar a habitabilidade e a seguridade viaria de peóns e condutores mellorando a situación da calzada, das beirarrúas e da rede de iluminación pública. O orzamento de execución material da mellora supuxo un custo de máis de 57.000 euros para as arcas municipais que se financiaron a través do Plan Concellos da Deputación.
No barrio do Conde acondicionouse o viario principal, do mesmo nome, mediante unha renovación das beirarrúas con pavimento de lousa hidráulica para mellorar a habitabilidade e seguridade dos peóns. Para aumentar a seguridade viaria regularizáronse e renováronse máis de 2.400 metros cadrados de calzada e instaláronse cinco redutores de velocidade homologados. Por último, renováronse todas as marcas viarias e axustáronse as tapas de rexistro para mellorar a confortabilidade dos condutores.
Do mesmo xeito, a actuación na Rúa Barreiros supuxo unha mellora case integral do viario. A humanización incluíu a renovación das beirarrúas, a regularización e a renovación da capa de rodaxe da calzada e a renovación do sistema de iluminación pública mediante a substitución das vellas luminarias por outras de tecnoloxía LED, que teñen un menor consumo e achegan maior visibilidade na calzada durante a noite.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou o traballo constante que supón manter en bo estado a enorme rede viaria do municipio.