Terceira división
Redondela Maramar – SD Pazos
O pavillón da Marisma acolle mañá sábado o partido entre o Redondela FS e o SD Pazos, o que os clubs denominan xa como “o noso derbi”. Os afeccionados a este deporte poderán gozar deste encontro entre os dous equipos, que se coñecen moi ben, e entre os que existe “unha rivalidade sa” e moi boa relación. Para o adestrador do Pazos, Fran Amoedo, é todo un privilexio poder gozar deste derbi en Terceira División, logo de que os dous equipos ascenderan de categoría. Augura un cheo total na Marisma, como xa aconteceu a temporada pasada cando o derbi se disputou en categoría autonómica.
No deportivo, os dous equipos chegan a este duelo en situación ben diferente. Ao Redondela Maramar non se lle está a dar ben este comezo de temporada, mentres que o Pazos é segundo na táboa, e chega á Marisma logo de acadar o pase a cuartos de final da Copa Galicia. Con todo, a situación na clasificación non é relevante para Amoedo. O técnico do conxunto pacense destaca que ao Redondela prexudicoulle o calendario no arranque da liga. Sinala que un derbi sempre é “diferente” e que o partido será “moi igualado”.
O partido será mañá sábado ás 20.00 horas no pavillón da Marisma