Descentralizar a programación cultural con actividades que se desenvolven nas parroquias é un dos aspectos que salienta a Concelleira de Cultura, Iria Vilaboa. Destaca neste sentido a organización do I ciclo infantil interparroquial “Queremos galego” con seis propostas teatrais en Cabeiro, O Viso, Cedeira, Negos, Chapela e Reboreda. Con todo, no máis inmediato salienta a cita desta fin de semana en Meirande cos actos de Conmemoración da Batalla e o magosto popular que encherá a Alameda de castañas e de festa o 5 de novembro.
Unha fin de semana esta con moitas actividades no Meirande en torno a Conmemoración da Batalla. Así, o sábado 22 a partir das 11 e ata as 20:30 horas Meirande converterase nun mercado tradicional no que atoparemos obradoiros de alfarería, lacrado e acuñación de moedas e escritura antiga así como actividades para cativos e cativas cun prezo de 3 euros e teatro tradicional infantil. A Teatralización da Batalla de Rande coa obra ‘Navíos baixo o lume” e a Representación naval da batalla con Pirotecnia, serán outras das citas obrigadas do día así como o peche coa música dos Carunchos.
Unha fin de semana que nos deixa tamén a proxección da película Malencolía o sábado ás 19:30 horas no Multiúsos e o monólogo Riquiña de Jazmín Abuín o domingo 23 ás 20:00 horas no mesmo auditorio con entrada a 3 euros.
Unha programación que xa de cara a final de mes completarase coas propostas en torno a celebración do Samaín con actividades para todas as idades que inclúen obradoiros para facer cabazas de samaín, maquillaxe para crianzas, un túnel do terror e unha visita teatralizada pola vila que terá parada no premiado Cemiterio dos Eidos “o máis bonito de España”.
Iria Vilaboa destaca tamén unha proposta ao aire libre de cara ao 5 de novembro, un magosto popular que se celebrará na Alameda de Castelao “para facer partícipe a toda a veciñanza das nosas tradicións, con castañas, música e outras propostas”.
Quixo destacar para os máis pequenos o I ciclo infantil interparroquial que arrancará en decembro, con 5 propostas que levarán a música e o teatro as parroquias da vila.
Unha programación infantil que se completa tamén co V ciclo de teatro que se está a desenvolver xa no Multiúsos.