A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaba onte na entrega da bandeira Q de calidade á Batalla de Rande, un premio que outorga o Instituto para a Calidad Turística española a empresas e entidades turísticas que apostan por impulsar o distintivo de calidade do sector. Un recoñecemento que se fixo público na última das xornadas de Conmemoración da Batalla que se vivía no Meirande e que, malia o mal tempo, logrou congregar a centos de persoas.
As inmediacións do Meirande revivían esta fin de semana a batalla naval que o 23 de outubro de 1702 enfrontou ás flotas anglo-holandesa e hispano-francesa, durante a Guerra de Sucesión Española. Un fito histórico que se ven celebrando neste espazo dende hai xa nove edicións da man da Asociación Deportiva e Cultural de Rande e o Concello e que recibía nesta edición o distintivo Q de Calidade.
“Galicia é a segunda comunidade de todo o territorio español con máis bandeiras de Q de calidade, con 286, un claro indicador da calidade da nosa oferta turística” apuntou Nava Castro na entrega deste distintivo que os membros da organización recibían con emoción “porque é o resultado de meses de traballo”.
Unha cita que este días congregaba a centos de veciños, entre eles a propia alcaldesa Digna Rivas quen asegurou que “ano tras ano a Batalla de Rande reforza o seu poder de convocatoria converténdose nunha cita imprescindible do sur de Pontevedra” agradecendo especialmente o “traballo incansable” que fai ano tras ano a Asociación Cultural e Deportiva de Rande “para que todo isto sexa posible”.