Unha palmeira na praza de Ribadavia viuse afectada por un incendio provocado
Roubos, colectores tirados, liortas e incluso un lume nunha palmeira da praza de Ribadavia forman parte dos numerosos incidentes detectados na fin de semana polos axentes da Policía Local de Redondela. E todo iso nuns días nos que a situación foi especialmente complicada pola alerta laranxa consecuencia da borrasca Beatrice que deixou árbores caídas e anegamentos.
O Cafetín, local de hostalaría situado en fronte do Centro de Saúde, foi un dos establecementos que sufría un roubo nesta fin de semana. Uns individuos entraban no local na madrugada do sábado provocando danos tanto na entrada como no interior e subtraendo a caixa rexistradora. Tamén na fin de semana a Igrexa dos Testigos de Jehová en Cesantes foi vítima doutro roubo.
A madrugada do sábado foi especialmente complicada con liortas nunha cafetería de Ernestina Otero e nas inmediacións da Praza de Ribadavia. Precisamente nesta praza foi necesario actuar para sufocar un pequeno incendio consecuencia dun acto de vandalismo ao prenderlle lume a unha palmeira da zona.
A maiores foi necesario proceder a retirada de dous colectores de vidro que foron derrubados no Paseo da Xunqueira.
Tamén se procedeu nun dispositivo conxunto de Policía Local e nacional á denuncia de cinco persoas por posesión dunha cantidade indeterminada de drogas.
O paso da borrasca Beatrice deixa máis de 300 incidencias en Galicia
Árbores caídas, estradas cortadas, teitos levantados e asolagamentos de rúas. Dous terzos das incidencias rexistráronse na provincia de Pontevedra. En Redondela árbores caídas tanto no Camiño do Cristo (Rande) como na senda da auga ao seu paso pola parroquia de Reboreda obrigaron a intervir aos membros de Protección Civil e do SEIS.