As traballadoras do SAF maniféstanse por un convenio xusto
As traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) de Redondela concéntranse diante do Concello para reivindicar melloras no convenio laboral que se pretende asinar ata 2026. A manifestación, convocada pola CIG, contou co apoio da CUT co obxectivo de derrubar o preacordo xa asinado por UXT e CCOO.
Dolores, traballadora do SAF e militante da CIG, considera que o preacordo asinado pola patronal, UXT e CCOO é “escravista e precario”. Denuncian que “durante 12 anos o convenio non se moveu e agora só contemplan cifras salariais por debaixo do IPC”.
A CUT manterá o apoio ás traballadoras ata que “cheguen a un acordo xusto coa patronal”, desta forma únese á demanda das melloras salariais e reclama máis dereitos para o sector.
A voceira da plataforma SAF Galicia denuncia que os sindicatos, CCOO e UXT, só conseguiron aumentar a precariedade e explotación, deixando ás traballadoras desamparadas. “Hai traballadoras que recorren aos bancos de alimentos e se ven obrigada a facer uso dos bonos sociais”.
Durante a concentracións, as traballadoras reclamaron a presenza dos representantes do Concello de Redondela, que consideran necesarios como canle para chegar a un acordo xusto. A alcaldesa, Digna Rivas, mostrou o seu apoio e respecto e aclarou que dende o goberno local están facendo todo o posible por atender ás peticións, peticións que o seu entender “teñen que ser consensuadas coa Xunta de Galicia e a patronal”.
Este sábado 5 de novembro a CIG convoca unha manifestación a nivel galego en Santiago de Compostela á que acudirán traballadoras do SAF de Redondela.