“As ondas… que grandes son” é o nome desta sección que achegará as propostas, preocupacións, reflexións e actividades dos alumnado deste centro educativo. O espazo emitirase os venres cunha periodicidade quincenal. Arranca este 25N cunha emisión centrada na conmemoración do Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A radio é unha ferramenta importante en moitos centros educativos do concello que usan este medio para elaborar programas e espazos que adoitan quedar no propio ámbito do colexio ou instituto. Unha ferramenta transversal que permite traballar contidos diversos, dende a creatividade, a escrita, o uso do idioma… e que tamén é susceptible de chegar máis aló do ámbito educativo.
Con esta idea chega a Radio Municipal “As ondas… que grandes son”, un espazo aberto a mozos e mozas que estará cargado de temas de actualidade e propostas variadas que van dende o ámbito cultural, os intereses da rapazada, as reflexións políticas ou as entrevistas entre o propio alumnado así como conversas con outras persoas que se achegan ao centro.
A profesora responsable da emisora escolar Olga Nogueira, achegouse a Radio Redondela acompañada de Elena Barreiro, Aroa González e Nico Pérez para presentarnos este proxecto.