A Praza do Concello acolleu o acto institucional en homenaxe ás vítimas de violencia de xénero co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. Concha foi a encargada de ler o manifesto de apertura que deu paso as intervencións da alcaldesa, Digna Rivas e a actriz Arantxa Treus que deu voz a dous capítulos do libro ‘Bambú’ de Isabel Blanco quen tamén estaba presente.
Concha abría o acto ás doce do mediodía coa lectura dun emotivo manifesto no que salientou a necesidade dun cambio na sociedade que continúe camiñando cara a democracia, a solidariedade e a igualdade.
1.171 mulleres foron asasinadas dende 2003 e no último ano suman xa 38, un dato arrepiante que non para de crecer e no que fixo fincapé a alcaldesa Digna Rivas, insistindo na necesidade de lembrar a tódalas vítimas, porque “detrás das cifras hai persoas e familias afectadas”.
Tamén quixo agradecer a presenza dos centros educativos, IES Mendiño e Santa Mariña, así como a asociación Lenda e o Centro de Día de Cesantes que “sempre se prestan a colaborar e participar nos eventos municipais e que tódolos anos se suman na loita contra a violencia machista”.
Fíxose o silencio cando Arantxa Treus interpretou dous capítulos do libro de Isabel Blanco, Bambú. Un relato que impactou non só pola sensible lectura da actriz, senón porque relata un caso de violencia machista dende a perspectiva da muller maltratada, tratando de recrear o ambiente de sufrimento para xerar unha explosión que faga espertar conciencias. A obra destaca pola intención da autora de “comparar os síntomas traumáticos dos presos nos campos de concentración nazis coa cárcere na que viven as mulleres maltratadas”.
O evento rematou na zona do Salgueiral coa tradicional ofrenda floral na árbore Ginkgo Biloba. Alí, Concha e Pilar volveron intervir coa lectura de dous poemas de Sesé Mateo.
A programación rematará coa gala aberta ao público da segunda edición dos Premios Sesé Mateo que se desenvolverá ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira. A mestra de cerimonias será a actriz Arantxa Treus nun acto no que se lle fará a entrega do galardón a gañadora, Cristina García e que contará coa intervención de Eva Mejuto e a actuación musical de Su Garrido.