Xoel López accedeu ao cargo en febreiro de 2020
Tomaron posesión do seu cargo tras seren elixidos nas eleccións do pasado 29 de outubro.
Un total de 48 patroas e patróns maiores das confrarías galegas renovaron o seu cargo tralas terceiras eleccións unificadas nestas entidades, nas que o pasado 29 de outubro 62 delas votaron de xeito simultáneo para elixir aos seus representantes para os vindeiros catro anos. Mentres, nas 14 restantes cambia a persoa que vai encabezar a súa xestión na vindeira lexislatura.
No caso de Redondela mantense no cargo Xoel López e revalida tamén este posto o patrón maior de Arcade, Gonzalo Reinoso. A duración do mandato tanto da patroa ou patrón maior como do resto de órganos da confraría -xunta xeral e cabido- será de catro anos, podendo ser reelixidos por períodos de igual duración.
Unha vez tomen posesión as novas patroas e patróns maiores avánzase co proceso electoral unificado co obxectivo de renovar completamente os órganos reitores das confrarías de pescadores da comunidade e das súas federacións. A resolución pola que se convocaron estas terceiras eleccións unificadas ás confrarías de pescadores de Galicia -publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de setembro- establece que os comicios se desenvolven en tres fases. En primeiro lugar realízanse as eleccións nas distintas confrarías de Galicia -fase que queda xa superada-, despois celébranse as votacións nas tres federacións provinciais -A Coruña, Lugo e Pontevedra- e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.