A veciñanza manifestarase este venres día 9 ás 9:00 horas para demandar que se incremente o número de facultativos, tanto persoal médico como de enfermería, para atender a unha poboación que actualmente se ve obrigada a desprazarse ao centro de saúde de Redondela ou directamente ás urxencias do Cunqueiro para seren atendidos.
Veciños e veciñas repetirán a concentración que xa protagonizaron o pasado día 30 diante do Centro de Saúde reclamando un reforzo do persoal na localidade que neste momento só conta cunha médica, unha auxiliar e pediatra dous días á semana. Este persoal, con “cupo” de máis de 1600 pacientes, ten que atender o centro de saúde, visitar domicilios e atender urxencias, tanto no propio centro como as que esixen desprazarse.
Explican os afectados que a escasa dotación de persoal provoca unha atención deficiente e que a cada pouco o centro quede sen médica. Neste sentido apuntan que é habitual chegar ao Centro de Saúde e que, por unha razón ou outra, non haxa médica ou que se atrasen as citas.
Por ese motivo entenden que unha segunda praza polas tardes de médico e de auxiliar aliviaría a situación e permitiría ter unha atención digna, ao tempo que situaría o número de pacientes dentro dos marxes que o propio Sergas considerou axeitados no seu propio plan. Reclaman tamén que se incremente o persoal de enfermería, xa que actualmente os dous días que contan con pediatra unha mesma persoa ten que atender o servizo de enfermería de todo o centro.