O acendido das luces está previsto para as 19:00 horas, o sábado en Redondela e o domingo 11 en Chapela. Unha cita que contará cun evento solidario, unha chocolatada para recadar fondos para as asociacións Andaina, Da Man e Cáritas. O acendido chegará acompañado do pasarrúas xa a partir das seis da tarde a cargo de Pablo Méndez, perfomances e a animación de Latexo Percusión.
A chocolatada está financiada integramente polo concello, aportando os espazos, o material como o chocolate e a axuda organizativa necesaria. O día 10 de decembro colocaranse tres postos en Redondela: un estará localizado nos soportais da Casa do Concello, outro na Alameda de Castelao e o último na Praza da Constitución. O día 11 de decembro corresponde ao evento de encendido da iluminación de nadal en Chapela, onde tamén colocarase un posto na Alameda de Rosalía de Castro.
A intención é que a xente poida gozar dunha taza de chocolate quente e un petisco doce co que facer unha doazón voluntaria que se repartirá entre as tres asociacións beneficiarias. Serán 1000 as racións que se repartirán tendo opción libre de gluten ou lactosa para aquelas persoas con intolerancia alimentaria que queiran participar na acción solidaria.
Programación nadal pensada para os cativos
A programación do concello para este Nadal está centrada nos cativos que poderán gozar das diferentes atracción infantís instaladas durante todas as festas na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela e na Pista da Xunqueira. O parque de atraccións da Xunqueira contará cunha pista de xeo sintética, karts e unha pista deslizante entre outras sorpresas.
Tamén a rapazada poderá a partir do 12 de decembro, inscribirse en barafundaanimacion.com e recibir así un vídeo-saúdo personalizado de Papá Noel. E dende o 17 deste mes e ata o 24 do mesmo mes, nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita serán de 17 h a 19:30. O día 24 de decembro o horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papa Noel tamén se intalará en Chapela, nunha caseta situanda na alameda Rosalía de castro do 18 ao 24 de decembro no mesmo horario. E para que ningún neno quede sen ver a papa Noel este ano está previsto que este particular personaxe visite as parroquias do 20 ao 23 de decembro de 16 horas a 20:30 horas.
Unha programación que inclúie tamén o primeiro ciclo interparroquial “Queremos galego” que organiza o concello e que arrancará o 17 de decembro no centro cultural de Cabeiro coa obra “A Bailar no Nadal” a cargo da compañía Animar-T. Ao día seguinte será Paco Nogueiras quen leve a súa “Radio Bule Bule” á Sociedade Cultural do Viso e xa o día 22 o Centro Cultural de Cedeira acollerá a obra “O Tranvía Leonardo” de Fantoches Baj. Todas estas actuacións serán ás seis da tarde. As cinco e media do día 26 de decembro actuará Cé Orquestra Pantasma no centro cultural de Santo Estevo de Negros. Unha programación que seguirá no Multiúsos de Chapela co “Brinca Vai” de Paco Nogueiras.
O ciclo pecharase en xaneiro coa obra “A viaxe de Rosalía” a cargo de Larraitz Producións artísticas quen actuará o 4 de xaneiro no Centro Cultural de Reboreda. I ciclo infantil interparroquial con entrada de balde para tódalas funcións.
Actuación de París de Noia
Unha programación de nadal que inclúe tamén como novidades a Festa de Pre-fin de ano na que actuarán París de Noia e Disco CDC o venres día 30 de decembro no campo da feira ás 22:00 horas.
Lembramos tamén que o Tren Turístico aumentará o seu roteiro de forma especial durante as festas. O 22, 23, 24, 26 e 27 de decembro; 2, 3, 4 de xaneiro o horario do tren turístico será de 17:00 a 20:00 horas e 24 de decembro de 11:00 a 13:00 con Saída da praza de Santiago apóstolo. En Chapela o 28, 29, 30 e 31 de decembro o horario será de 17:00 a 20:00 h e o 31 de decembro de 11:00 a 13:00 h con saída da alameda Rosalía de Castro.