Os veciños volveron saír a rúa este martes para cortar o tráfico e amosar unha vez máis a demanda que dende hai anos levan trasladando ás institucións: a necesidade de acometer a mellora da estrada EP-2702. Unha demandan que visibilizaron tamén na rúa en numerosas ocasións neste ano con manifestacións como a vivida o pasado sábado ou o corte de tráfico que protagonizaban onte.
Insisten en que si a situación xa era mala “polo elevado tráfico pesado que soporta unha estrada estreita e cun firma moi deteriorado” a situación complicouse aínda máis nos últimos tempos debido ao peche decretado en Redondela ao tráfico de camións.
Uns vehículos que teñen como única alternativa para dirixirse ao polígono de Amoedo así como a outras zonas da contorna empregar esta vía que insisten “precisa dunha actuación inmediata de ampliación e reforma”.
Unha vez máis reclaman ao concello que mova ficha e que poña a disposición da Deputación os terreos necesarios para acometer a obra, xa que por parte da institución provincial hai un proxecto e unha previsión que está pendente tan só do trámite municipal. Lembra Ivan Rodríguez que sen o convenio entre Concello e Deputación non se realizaría o proxecto tan necesario para a veciñanza.
Non descartan de feito, retomar o calendario de mobilización no 2023 no caso de que non lles dean unha solución a curto prazo.