O Concello vén de solicitar a inclusión formal no organismo encargado da administración e xestión cultural da Illa de San Simón, por entender que é de dereito que Redondela, como municipio ao que pertencen as illas de San Simón e San Antón forme parte deste padroado do que foi excluída pola Xunta.
A Fundación Museo do Mar de Galicia xestionará desde Vigo a parte cultural da illa de San Simón, “sen ter en conta a Redondela” así o denuncia a alcaldesa Digna Rivas que acusa ao goberno galego de “desprezar aos veciños e veciñas do municipio empregando esta institución para o seu propio rédito político en actuacións que son mera propaganda e que non garante o ben patrimonial”.
O obxectivo da Xunta de Galicia é impulsar actividades culturais neste espazo, algo que a alcaldesa considera “ridículo” ao ver que na prensa “destacan eventos como o SinSal e esquecen a memoria histórica que este goberno si trata de protexer. Nós non consideramos as illas un parque de atraccións para explotar, senón un ben común que corresponde aos veciños e veciñas de Redondela e que debemos preservar para non esquecer a nosa historia”.
Critican tamén que non se lle trasladase ao goberno local a posta en marcha do proceso de licitación dos traballos de conservación nas illas cun orzamento de medio millón de euros así como que “expresen as súas intencións de actuar nos edificios e xardíns históricos a través da prensa, outra vez, sen mostrar ningunha intención de debater o propósito ou a conservación patrimonial destes bens”. Por todo isto, esixen entraR no padroado cultural da Illa para defender “os intereses do que é noso”.